Unha vez chegados a este
punto, penso que é preciso facer unha reflexión final sobre todo o aprendido e
comentado ó longo do curso.
Ó principio, antes de
comezar coa primeira clase, pensei que a materia ía traballar máis o
coñecemento da lingua francesa en si. Na primeira clase do semestre, decateime de que,
como xa o nome da materia o indica, iamos traballar máis a didáctica desta.
Aquí foi onde o noso querido profesor, Carlos Valcárcel, contounos resumidamente o que iamos realizar, e nós, todos os seus alumnos, mirabámonos con caras de
susto a medida que levabamos feitas cada unha das tarefas, xa que a seguinte sempre era máis
complicada que a anterior.
Isto foi así dende o
principio, xa que cada tarefa (ou “tâche”, como todos diciamos ó falar en castelán, cunha incorrecta pronuncia,por certo) complicábase, aumentando o nivel e a
dificultade. Pero, unha vez feitas e entregadas, xa non parecían
tan complicadas porque aprendéramos cousas novas, podendo así superar outras
futuras de maior complexidade.
Así, aprendín que todos
podemos acadar algo se nos esforzamos. O aprendizaxe é un camiño longo que
debe ser traballado parte por parte, entendendo cada unha destas á perfección, para
así poder chegar ó fin dunha verdadeira aprendizaxe significativa para, a partir
desta, ir creando outras novas e de maior dificultade.
Citando algúns aspectos
importantes que aprendín ou conseguín durante
este curso nesta materia, debo destacar moitos dos coñecementos sobre a
realización de tarefas e actividades en lingua estranxeira segundo as
características do alumnado, ademais da capacidade de creación de actividades
de comprensión e expresión, tanto oral como escrita.
Non debemos esquecer que,
agora, grazas a todos estes traballos, coñecemos mellor e controlamos máis (ou iso
deberiamos) todas as fases do proceso de ensinanza e aprendizaxe. Sen dúbida algunha, o máis
dificultoso deste foi o proceso de avaliación, xa que tiñamos que seleccionar rigorosamente
todos os criterios que iamos ter en conta, relacionados cos obxectivos e
contidos tratados nas actividades.
Finalizando, quero deixar
claro que sinto alegría e satisfación en canto ó meu traballo nesta materia, xa que
podería dicir que me sinto máis competente co meu futuro traballo, véndome capaz
de realizar con máis facilidade todas e cada unha das funcións da profesión de
docente en Educación Primaria.
Por último de todo, poño de
manifesto que estou segura que todo o traballo e esforzo posto nesta materia de
“Lingua francesa e a súa didáctica” non existiría de non ser pola presenza e
axuda do noso profesor, quen estivo con nós cada momento, resolvendo calquera
dúbida existente.

No hay comentarios:
Publicar un comentario